O pasado martes, 27 de outubro, na edición de tarde realizada no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), tivemos a oportunidade de ver dúas proxeccións.

Primeiramente, e como vén sendo habitual no FKM, a aposta polo traballo de directores noveis, nesta ocasión falamos do traballo de Kevin A.McCarthy, coa súa longametraxe Fury : The Tales of Ronan Pierce (2014, 91’, EE.UU).

Así, ás 20:30 hora estreouse en Galicia “Fury: The tales of Ronan Pierce”, un filme moi visual, con moito traballo de postproduccion, desde efectos visuais sinxelos (como o sangue), a planos da cidade totalmente en 3D, pasando por algún que outro efecto de maquillaxe protésico.

Non dubidamos que o público asistente saiu bastante impresionado.

Sinopse: Ronan Pierce un policía de pasado tráxico que tras o  recente secuestro da súa esposa McKenzie sae á rúa en busca de vinganza.

A continuación, ás 23:00 h, proxectouse o filme “Possession” de Andrzej Zulawski (1981. 124’ VOSE)

Resultou unha boa forma de celebrar o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual xa que o FKM recibiu unha copia do filme orixinal en 35 mm.

A década dos 70 viviu o apoxeo do cinema policíaco, que foi o xénero por excelencia da cinematografía francesa durante un cuarto de século. Parece existir un profundo buraco negro entre “Os ollos sen rostro” (Les yeux sans visage, George Franju, 1959) e o novo terror francés dos últimos anos. Pero dentro deste “buraco” nós queremos destacar esta rareza.

Moitísimos espectadores alí presentes puideron gozar dun filme con máis de 30 anos nas súas costas e comprobar o paso do tempo nas esceas do mesmo.

Sinopse: Unha muller deixa á súa familia por razóns descoñecidas e o marido, resolto a atopar a verdade, empeza a seguila. Ao principio sospeita que hai outro home, pero gradualmente comeza a ver na súa muller un comportamento estraño que vai máis aló, xunto a varios incidentes, que lle indican que o que está a pasar é algo máis que unha aventura amorosa.