[:gl]

O primeiro que hai que dicir é que cando un fala de “Bella Muerte de Ríos” non se está a falar eufemisticamente da contaminación dos nosos queridos afluentes. Non! Falamos dunha nova proba de como o enxeño galego pode acadar as cotas mais elevadas alén das nosas fronteiras.
Neste caso, a protagonista é a debuxante Emma Ríos, que nos achega unha das súas últimas obras da que é co-autora en formato exposición: “Bella Muerte”.
“Bella Muerte” foi nomeada a varios premios Eisner en 2014. Para os que non teñen ni idea, como un servidor, dicir que os premios Eisner son como os Óscar do mundo da banda deseñada e que Emma Ríos foi nomeada na categoría de mellor lapis/entintado (e que pasará se perde ese lapis?) e mellor portada. Parabéns!
En”Bella Muerte”, as súas autoras parten dun western de aspecto clásico para, a continuación, distorsionalo e convertelo en algo totalmente novo, onde o inesperado se converte en habitual. Eu fun e mirei, e tamén me distorsionei e saín convertido en algo novo. Agora xa non me deixan entrar na casa, algo inesperado, pero podo seguir escribindo para o FKM, algo habitual, e gozar coa lembranza do vivido, coa “Bella Muerte” de Emma Ríos, cos premios Eisner e con ese lapis afortunado.
Acudide amantes do bo gusto! Acudide a esta exposición que se inaugura o vindeiro 1 de outubro ás 13:00h na Fundación Luis Seoane da Coruña.

[:]