Fundación Luis Seoane – do 5 ao 27 de outubro

Entre o 5 e o 27 de outubro, as salas da Fundación Luis Seoane acollerán unha mostra do traballo de Xurxo G. Penalta (A Coruña, 1976), un dos ilustradores galegos máis importantes a nivel internacional.

Tras licenciarse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Xurxo G. Penalta realiza un master en Estudos Visuais no College of Art and Design de Minneapolis, nos Estados Unidos. Se ben dende a infancia practica o debuxo, nun principio non se inclina por ningunha disciplina artística concreta, agás a pintura, a partir de 2006 o autor centra a súa actividade creativa no mundo do cómic. No ano 2008, Penalta comeza a traballar no mercado americano, destacando especialmente o seu traballo en diferentes series como The Amazing Spider-Man, D-Man ou Terror INC de Marvel Comics; Fear Agent de Dark Horse, e Teenage Mutant Ninja Turtles ou Judge Dredd de IDW Comics, entre outras, desenvolvendo ao mesmo tempo a súa faceta como guionista xunto a outros autores en títulos como 8House Kiem e Prophet, de Image Comics. Ademáis de multitude de traballos relacionados ca música e co cinema.

Desde un punto de vista estético, o universo visual de Xurxo G. Penalta está estreitamente relacionado cos códigos da ciencia ficción, especialmente cunha visión que ten as súas raíces na década dos anos setenta coa aparición en Francia da revista Metal Hurlant creada por Les Humanoïdes Associés, grupo do que formaba parte Jean Giraud, Moebius, recoñecido por Penalta como unha das súas influencias principais. Del destaca “o uso da liña clara franco-belga, característico de Hergé, pero nunha rendición realista para desenvolver un ideario tan puramente fantástico como plausible e de fonda complexidade”.

Xurxo manifesta unha especial devoción por aqueles autores que “teñen unha imaxinación insondable combinada cun uso técnico maxistral”, como Katsuhiro Otomo, que “canaliza ideas fantásticas por un filtro gráfico e narrativo dun estilismo inimitable, o que as fai inmediatas, táctiles e reais, ademais de ser insuperable como narrador dinámico”; Juan Jiménez, que “domina o volume, a escala e a atmósfera con tremendo carisma e un uso inconfundible da cor”; a “estilización de personaxes” de Araki Shingo, “xenio visual detras das series de anime máis influíntes”; Masamune Shirow, que “humaniza ideas mecánicas puramente futuristas, coma os caricaturistas de Disney dos anos 40 humanizaron a fauna”; e cos especialmente vencellados ao mundo cinematográfico, Ralph McQuarrie, quen “sintetiza o 80% do que me gusta de Star Wars; contexto, atmosfera e os elementos que as compoñen concevidos coma un conxunto unificado, presentado co mínimo de elementos” e Syd Mead, “fundamental para entender a visualización que manexamos do futuro dende os anos 60, infinítamente complexo e sempre plausible”.

Froito destas referencias a súa obra máis persoal caracterízase pola minuciosidade do detalle, un coidado emprego da cor e unha certa nostalxia polos mundos analóxicos reflectida no deseño de robots, naves e espazos urbanos, xunto cun concepto onírico da paisaxe, facéndoa inmediatamente recoñecible a ollos do espectador.

Na exposición da Fundación Luis Seoane recóllense máis de 50 obras impresas en gran formato, xunto con debuxos, bosquexos e orixinais a cor do autor, nas que o eixo común é a temática escollida na XI edición do Festival FKM, “Utopías e Distopías”, centradas no cinema. O conxunto de obras, moitas delas inéditas, está realizado entre os anos 2012 e 2019. A montaxe sérvese do formato do póster cinematográfico para encher as paredes da sala coma se dunha rúa da cidade ou sala de cinema se tratase. Ademáis, celebrando o ano das artes adicado á figura de Luís Seoane, o artista realizará unha intervención ex profeso na que plantexa un diálogo e reinterpretación dunha das obras do ilustre creador coruñés.