Desde FKM quixemos celebrar o 40 aniversario dunha das películas de culto máis importantes da historia. Unha obra que foi convertida polos propios fans que acudían ás súas proxeccións disfrazados, nun espectáculo interactivo no cal o público intervén e responde aos actores, os afaga ou insulta, sae a bailar as cancións e arroxa obxectos á sala. As sesións convertíanse nunha auténtica catarse colectiva aloucada, irreverente e hedonista. As proxeccións a medianoite de Rocky Horror mostraban o aspecto máis festivo e participativo do espectáculo cinematográfico e ese é o espírito que queriamos celebrar, e cumpriuse con fartura!
Nos Cantones Cines a proxección foi moi especial por múltiples razóns: primeiro porque contouse cunha copia orixinal de 35 mm da película e despois porque participaron actores e actrices para dinamizar a festa, conducir ao público no uso dos obxectos do FKM-ROCKY-KIT e bailar e cantar os temas da película ao unísono.
O público asistente non esqueceu traer o seu sentido do humor e os seus disfraces. Dende FKM démoslles o seu FKM-ROCKY-KIT para a función, a saber: papel hixiénico, pistola de auga, globos, confeti, matasogras, periódico da película, … todo o necesario para emular algunhas das escenas máis coñecidas do Show de Rocky!
Onte, sábado 31 de outubro, ás 00:00, durante case dúas horas A Coruña transformouse na “Transexual A Coruña”, onde todas fomos doces travestís, buscando o pracer como sexa, seguindo as ordes do científico tolo, travestido e pansexual Dr. Frank N. Furter .
O éxtase chegaba en todos e cada un dos momentos musicais da película, mesturado con risas, berros, asubíos, chimpos, pisotóns no chan, lanzamento de auga, de cartas da baralla,… Un espectáculo incrible dentro e fora da pantalla.
O día da homenaxe cumpríase exactamente 40 anos da estrea de Rocky Horror Show. Hai días na historia deste fodido planeta que a arte e a creación elevan aos seres humanos a niveis de rañar o ceo cos dedos, hai 40 anos tamén o grupo inglés Queen publicaba o seu “Bohemian Rhapsody”.
Que maxia universal, que combinación interestelar, que diantre debeu acontecer aquel día para parir tal patrimonio cultural da humanidade!
Onte gozamos todas como tolas, amosando os nosos sentimentos e paixóns fora dos roles convencionais das nosas rutineiras vidas. Pecamos inocentemente porque o FKM nos tentou, e substituímos as nosas grises obligacións diarias polos coloridos desexos nocturnos de pecar.
Onte, como dixo Frederic Bulsara “Beelzebub tivo un demo apartado para min”, para todas nos.
Grazas FKM, por resucitar a paixón de fai 40 anos. Grazas por facelo posible e grazas por facernos estremecer.
Ficha da película:
Rocky Horror Picture Show (Jim Sharman, 1975) 35mm
Dirección: Jim Sharman. Distribuidora. Classic Films. Guión: Jim Sharman & Richard O’Brien. Fotografía: Peter Suschitzky. Dirección de arte: Terry Ackland-Snow . Decorados: Dick Frift. Música: Richard O’Brien. Montaje: Graeme Clifford. Intérpretes: Tim Curry, Susan Sarandon, Barry Bostwick, Richard O’Brien, Patricia Quinn, Nell Campbell, Jonathan Adams, Peter Hinwood, Meat Loaf, Charles Gray, Jeremy Newson, Hilary Farr. Reino Unido. 100′
Noraboa polo festival…e que siga moitos anos. A proxección de The Horror foi un puntazo…pena da after party no Milagros…mercíase algo mellor!!!