FKM rende homenaxe ao coñecidísimo director coruñés Amando de Ossorio (A Coruña 1918- Madrid 2009) , creador da mítica saga dos cabaleiros templarios cegos. Títulos como Malenka, La sobria del vampiro (1968), Las garras de Lorelei (1972), La noche de los brujos (1973),  La endemoniada (1974), Serpiente de mar (1984) e os que integran a mítica tetraloxía dos templarios cegos – La noche del terror ciego (1971), El ataque de los muertos sin ojos (1973), El buque maldito (1973) e La noche de las gaivotas (1975)-, sitúanlle entre os máis grandes creadores do xénero.

Como inicio da homenaxe por parte de FKM, proxectouse o pasado mércores, 28 de outubro, a película El ataque de los muertos sin ojos (1973).

A trama trasládase a unha pequena aldea portuguesa, Bouzano, que celebra as súas festas conmemorando a tortura e queima, séculos atrás, dos diabólicos cabaleiros que sacrificaban mozas novas nos seus rituais para alcanzar a vida eterna.

A sala do CGAI estaba ata a bandeira para gozar deses mortos choscos, rancorosos e desexosos de vinganza. Aproveitando que a película sitúase en Portugal, semella que quere emular á letra daquel fado que dicía:

“Nunca pensei,
depois de tanta amizade,
ficasse tanta maldade
escondida no teu peito”

E é certo. Os mortos andaban a rabiar por saír das súas escuras fosas e cumprir así outros versos do mesmo fado premonitorio:

“Dá tempo ao tempo.
Que o tempo corre e não cansa.
E eu não perdi a esperança.
De ter ver chorar por mim.”

Pois iso, que ao final todos choraron, todos aqueles que tiñan ollos, claro está, porque os mortos de Ossorio nin unha mísera bágoa botaron. Coitados!

En fin, unha película que non se debe perder ninguén, cheo de momentos e elementos inesquecibles: mulleres que berran, mortos sen ollos, xente que baila, homes que nos fan cuestionar cando perdemos a nosa masculinidade, pirotecnias varias, un Citroën Méhari dándoo todo e moita, moita sangue de cor “acid” produto probablemente de mesturar vinho verde con papas de sarrabulho.

En definitiva, unha película “espantosa”, aínda que para moitos poida resultar algo “exquisita”. (Nota do autor: procuren cal é o significado das palabras entre comiñas no idioma luso, seguro que levan unha sorpresa. Son dous bos exemplos dos “False friends”)

A nosa Homenaxe compleméntase cunha Mesa Cadrada o xoves día 29 , ás 12:00 no Fórum, ao redor da súa figura e unha pequena exposición de material orixinal do director, incluíndo unha das “garras” templarias e unha máscara zombie que utilizou nas películas.

Ficha técnica El ataque de los muertos sin ojos (1973):

Dirección: Amando de Ossorio. Produción: Ramón Plana, M. Flor Pérez Parella. Guión: Amando de Ossorio. Fotografía: Miguel F. Mila. Vestiario: Cornejo. Decorados: Cruz Baleztena. Música: Antón García Abril. Montaxe: José Antonio Vermello. Intérpretes: Tony Kendall, Esperanza Roy, Fernando Sancho, Frank Braña, Loreta Tovar, Lone Fleming. España. 91′

20151028 libros_copia

Libro “Cine Fantástico y de Terror Español. De los orígenes a la edad de oro (1912-83)” T&B Editores

Presentación do libro “Cine Fantástico y de Terror Español. De los orígenes a la edad de oro (1912-83)” T&B Editores.

Antes da proxección da película, Javier Trigales, un dos seus autores, presentou o libro “Cine Fantástico y de Terror Español. De los orígenes a la edad de oro (1912-83)”

O presente libro pretende dar conta das particularidades concretas dunha ampla selección de longametraxes pertencentes ao cinema fantástico e de terror español co obxecto de reflectir as tensións e contradicións presentes no seo dunha produción de capital importancia para a industria fílmica española e o legado cultural do noso país.

Ao mesmo tempo, aspírase a dilucidar cales foron as achegas da cinematografía española ao imaxinario e a poética fantástica universal. Para iso, máis de corenta autores examinan máis de trescentos cincuenta títulos representativos do noso cinema fantástico e de terror de maneira individual, situando cada obra no seu contexto histórico e pronunciándose sobre o seu valor artístico.

Este volume inicial abarca desde 1912 a 1983, data de irrupción da coñecida como “Lei Miró”. O segundo volume comezará a partir de 1984 e finalizará en 2015.