O pasado martes, 27 de outubro, houbo sesión dobre de cinema no Forúm Metropolitano.
Ás 23:00 hora iniciábase a estrea mundial do curto “Babushka”, de Natzaret Pardo, contando coa presenza de todo o equipo. E a continuación, a proxección de “Neuroworld” , tamén estando presente o seu director, Borja Crespo.
“Babushka” (Natzaret Pardo Cobelo, 2015) 21’ A Coruña
FKM falou con Natzaret Pardo, a directora de “Babushka” quen nos contou como todo empezou coma un proxecto de fin de grao da Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña.
“Tiñamos que decidir que tipo de proxecto facer e a idea xurdiu dun pesadelo que eu tivera hai varios anos. As miñas compañeiras, Reyes e Marisol lles pareceu unha boa idea facer a curtametraxe como fin de proxecto en lugar de facer como unha ampla parte do alumnado, unha campaña de publicidade.
A curta ía ser mais pequena, como era o pesadelo orixinal, pero ao final, co fin de xustificar a inclusión de certos personaxes alongouse. Tamén sufriu modificacións ao introducir o inicio en animación 2D, despois tivemos a axuda do Teatro Colón e posteriormente conseguimos que participase a actriz Pilar Pereira, un valor de produción incrible e moi coñecida. Que quixese traballar connosco deulle un caché á película tremendo.”
Como se compuña o equipo humano do curto? Canto tardastes en realizalo?
“En cámara e produción había moita xente colaborando da Universidade, no equipo técnico de imaxe e son foron compañeiros da Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Para os actores, realizamos un casting, especialmente buscando á actriz que interpreta o papel da aboa.
A pesar de que houbo un parón importante, estivemos a traballar neste proxecto desde abril deste ano.”
Como dato dicir que o proxecto de fin de grao, ao que pertence esta curta, defendeuse o pasado venres 23 de outubro, polo tanto, estaba sacada do forno fai pouco! Aprobaron a exposición cunha puntuación de 8 sobre 10. Noraboa!
Desde FKM desexamos a Natzaret e ao seu equipo moita sorte en futuras proxeccións.
Sinopse da curta: Babushka é unha curta de terror no que se pon a unha familia baixo unha ameaza que os obriga a pecharse na casa. Durante ese confinamento a paranoia se cerne sobre eles confrontándoos e achegándoos ata un fatídico final.
Neuroworld (Borja Crespo, 2014) 65′ España
Ao finalizar “Babushka”, Borja Crespo presentou a súa película “Neuroworld”, que sería a súa estrea en Galicia.
“Neuroworld” foi inspirada no autor Miguel Ángel Martín, da revista “Víbora”. A película atende a unha proposta que lle fixeron ao directo dende a canle “Calle 13” relacionada coas obras de microteatro breves en duración e con poucos espectadores. Como dato, destacar que fixeron a película en dous fins de semana. “Neuroworld“é un catalogo de parasitos emocionais, moitos diálogos, moita ironía, humor negro e mala leite. Segundo o seu autor: “Ou gusta moito ou non gusta nada”
Estas crónicas están para amosar o acontecido no FKM, non para criticar positiva ou negativamente as proxeccións do Festival. Sen embargo, quen escribe estas liñas non pode deixar de abraiarse polo que foi un exercicio fresco contido nunha hora de duración. Unha serie de diálogos incómodos que molestan ao espectador e unhas situacións que se van derramando sen que ninguén faga nada por solucionalas. O sexo, de todo tipo, pero nunca explícito, e o 5º protagonista desta película (se non o primero!). A película tróuxome á memoria uns versos dunha canción algo “underground”:
“Veo pervertidos, locos, gente enferma,
un tipo conocido por Doctor Esperma.”
Borja Crespo, foi un pracer.
Sinopse do filme: Nada é o que parece. Todo pode ser. Baile de parasitos emocionais nun xogo de máscaras. Monika e Kristina son compañeiras de piso e quizais amigas. Unha delas é unha famosa YouTuber. Unha pistola, dúas pistolas… Unha historia baseada nas historietas de M.A. Martín incapaz de deixar indiferente ao espectador. Transcorre nun mundo que pode ser o noso, onde a tecnoloxía e as redes sociais mudaron a maneira de relacionarse.
Leave A Comment