Esta mesa contou coa participación excepcional de Lone Fleming, actriz e musa do director. Protagonista da primeira entrega dos Templarios e que repetirá en varias ocasións. Unha das grandes “raíñas do berro” do cinema español.
Tamén acompañaron a Lone Fleming, Xosé Zapata, un dos maiores coñecedores da vida e obra do director. Autor do documental “Amando de Ossorio. O último Templario”. David García Sariñera, o cerebro tras o fanzine Monster World, fan incondicional do director coruñés, ao que dedica numerosos artigos e entrevistas. Domingo Lizcano e Antonio Garcinuño, que nos presentarán o seu libro sobre efectos especiais no cinema español. Ambos coñeceron a Ossorio e posúen na súa colección persoal material de FX orixinal das súas películas.
A charla celebrouse ás 12:00h na Sede do Forum Metropolitano e estivo moderada por Tonecho Otero, codirector do festival FKM, quen comezou a presentación destacando o feito que desde o FKM non se podía agardar máis para facerlle esta homenaxe ao director coruñés e conseguir xuntar ás persoas que tiveron relación con el.
Ademais, nesta sesión presentouse o libro “Los alquimistas del 7º arte. Efectos especiales en el cine español” a cargo dos seus autores, Domingo Lizcano e Antonio Garcinuño. Este libro ofrece un percorrido pola cinematografía patria comezando no cinema mudo cos pioneiros como Segundo de Chomón, ata os últimos avances da tecnoloxía dixital. Unha visión da Historia do Cinema Español contada desde a perspectiva dos efectos especiais, as súas respectivas disciplinas e os oficios que xera.

De esquerda a dereita: Xose Zapata, David Garcia Sariñera, Lone Fleming, Tonecho Otero, Antonio Garcinuño, Domingo Lizcaño e un templario que pasaba por alí.
Tonecho Otero: Cales son os contidos do libro relacionados con Ossorio?
Domingo Lizcaño: “Ossorio era unha persoa moi faladora pero, comúnmente, estaba mais interesado na composición da arte e dos efectos especiais que na dirección de actores. A el o que lle preocupaban eran os efectos especiais e os seus templarios.
Antonio Garcinuño e mais eu pensamos que sería bo recompilar estas e outras anécdotas dos efectos especiais. O libro abrangue mais de dez anos de traballo en mais de 500 paxinas. Falamos con especialistas e técnicos que xa eran persoas xubiladas, outros faleceron. Tentamos darlle oco a todo aquel que fora mencionado por uns ou outros e, por suposto, Amando de Ossorio ten o seu espazo no fantaterror español. Era un moi bo debuxante, ilustrador e un artesán. El facía os efectos visuais mas de cámara.”
Antonio Garcinuño: “A finais dos 80, Ossorio xa estaba retirado. Aínda quería facer cine pero tras a súa ultima película “Serpiente de mar” seguía con proxectos pero xa non tiña forzas. Cando o coñecín, no seu estudo en Madrid, un día me entrega unha caixa de cartón coas mans dos templarios e una caveira, que pertence á película “El Buque Maldito”. Tamén estaba a estrutura da serpe de mar, cunha goma moi deteriorada, desfacíase ao collela. As mans dos templarios eran dun tipo de goma ou caucho aceitoso cun cheiro terrible. Desde entonces, conservo ese obxectos como a xoia do museo. Despois, perdín o contacto con Ossorio e faleceu. Lembro que o seu despacho estaba cheo de debuxos, bosquexos, guións.”
Tonecho Otero: “Unha marca de identidade de Ossorio era que sacaba fotos aos debuxos e despois pintaba sobre elas. Como curiosidade dicir que o primeiro boneco da serpe de mar era un aguacate, o ollo era unha uva, os dentes son escarvadentes, e a lingua un pemento.
Lone, comparte con nos algunhas anécdotas das rodaxes con Ossorio.”
Lone Fleming: “Ossorio dixo nunha entrevista que a min recolleume lavando no río. E foi certo, porque viume nun anuncio comercial no que eu lavaba roupa nun ríoa. Cando empecei a traballar para el nunca sospeitei que aquelo puidese converterse nunha película de culto.
Ossorio foi primeiro un director, e despois un bo amigo, quedabamos e tomabamos café. Cada unha das 3 rodaxes que fixen con el sempre foron distintas. Por exemplo, en “La noche del terror ciego” trataba ao equipo como unha familia, raras eran as discusións e iso que estivemos tres semanas xuntos de traballo. Ossorio aparecía cada mañá con debuxos, andaba ensimesmado nas súas fantasías dos templarios. Pasaba o tempo xusto cos actores, os que facían o papel de templarios sufrían moito, apenas podían ver, facía moito frío nos exteriores, o traxe pesaba moito e, en ocasións, desmaiábanse.
Na rodaxe de “El ataque de los muertos sin ojos” eu tiña un papel secundario. Naquela época, cando tiñas un papel pequeno te traían ao rodaxe e te levaban de novo a casa para aforrar na comida e demás, pero nesta ocasión tamen estivemos dúas semanas en Portugal nun entorno moi agradable. Nesta película tampoco estaba moi enriba dos actores e actrices, de feito, penso que o papel de Esperanza Roy era pouco cousa para ela.
Coa película “La endemoniada” coñecín a nena Marian Salgado, collémonos moito cariño e pasamos xuntas toda a rodaxe, tiñalle moito medo á maquillaxe, as veces tiña dor. Fai pouco atopeina en Facebook e foi emocionante vernos de novo tras tantos anos. Hai que dicir que Marian Salgado é a voz española da actriz Linda Blair na dobraxe de “El exorcista”“
Tonecho Otero: “Lone, fálanos mais do flashback lésbico entre Marian e ti na película “La noche del terror ciego””
Lone Fleming: “Ossorio achegóuseme e díxome que era necesario rodar unha escena lésbica. Eu díxenlle que non tiña nin idea, nunca había bicado a unha actriz e non son lesbiana. Non sabía como facer. Pedinlle unha botella de viño, unha rosa e unha revista, e Marian e mais eu, algo enchispadas, puxémonos a improvisar. Penso que deu un resultado moi bonito e delicado.
Pero houbo mais. Na escena da violación sobre a tumba, Ossorio di que ten que filmar como me arrincan as bragas. Eu dígolle que non, que esa parte non a ensino. Pero el insistiu. Ao final, fun comprar dúas bragas, unhas de cor carne e outras brancas. O actor quitoume as brancas pero deixei postas as de cor carne.”
Tonecho Otero: “Era costume directores en España que os directores rodaban unha escena para a distribución no estranxeiro con persoas espidas, y despois na versión española, incluían unha escena mais recatada ou vestían as persoas. Ossorio non tiña cartos para as dúas versións e, sinxelamente, cortaba a escena e punto.
Xose Zapata: “ Ossorio sempre se queixou de que se conectase aos templarios co imaxinario do escritor Gustavo Adolfo Becquer. El realmente conectaba aos templarios coa Santa Compaña é coas lendas e contos da cultura galega que lle contaba a súa familia. Nunha época de monstros que proviñan do cine da “Universal”, de lobishomes, vampiros, … el ía por outra vía.
Ossorio tivo un percorrido vital que personaliza varias traxedias deste pais. Naceu na Coruña nunha familia burguesa e estaba destinado a ser un funcionario da cidade, formaba parte dunha sociedade privilexiada. Vivía en pleno centro, na rúa Real, a carón do Teatro Rosalía e diante do vello Cine París onde viu os clásicos da “Universal”, o cine mudo, de fantasí a, etc. Líbrase de participar na Guerra Civil, pola súa condición social. Ao rematar a guerra marcha a Madrid a estudar e cando volta á Coruña traballa no Banco de Crédito Español.
Na Coruña continua a súa vida cultural pero decide voltar a Madrid rachando con todo: deixa o traballo, a moza de toda a vida,… Introdúcese no mundo cultural madrileño que daquelas contaba con persoeiros como Cela, Gómez de la Serna e moitos outros intelectuais, escritores, dramaturgos, etc. Participaba nos faladoiros no Café Gijón.
Decide facer a súa primeira película “Bandera Negra”, unha alegación contra a pena de morte desde o punto de vista católico.A película foi unha “rara avis”, do mellor de Ossorio. Xa adiantaba algúns dos seus temas recorrentes e fantásticos. Foi prohibida pola censura franquista, acaba nunha lista negra e xa non pode dirixir nunca en España. Para poder traballar ten que limitarse a botar unha man a outros ou traballar en negro. A súa oportunidade chega coa coprodución internacional. Produtores estranxeiros que viñan a España con ideas novas. Empeza entón co “western” e segue co fantástico.
A orixe inicial dos cabaleiros templarios provén do seu apelido, Ossorio, que pertencía aos cabaleiro do castelo de Ponferrada. El, naquela época, xa lía a Lovecraft e outros e aportou ese tema ao fantástico, dotándoo dun fondo intelectual, por iso coido que se preservan as súas películas hoxe en dia.
Ossorio nunca foi tan recoñecido como Paul Naschy ou Jess Franco porque non facía promoción dos seus filmes, como aqueles, non ía a festivais, por problemas de saúde xa non se podía mover. E iso que sen promoción especial “La noche del terror ciego” vírona en España mais dun millón de persoas e tivo moita repercusión internacional que aínda sigue, fai doce anos, estiven en Belgrado e na TV botaban “La noche del terror ciego” en francés. Se un ve “El buque maldito” e a compara con “La niebla” de John Carpenter, poderá comprobar como o storyboard de Carpenter foi a película de Ossorio.
Tonecho Otero: “Pero non so imos falar do pasado senón tamén do futuro. David García que está con nos hoxe, está dirixindo a rodaxe dunha curta chamado “El ultimo guión” onde recupera aos temidos templarios.”
David García: “Así é. Levo dous anos posuído polos templarios de Ossorio. Sei que outras personas tentaron facer algo no pasado pero non saíu. Nos fixemos dous crowdfundings e agora estamos a piques de rematar o traballo. A curta é unha homenaxe ao cine de Ossorio e á forma de facer o cine nos anos 70. É unha homenaxe aos actores e actrices daquela época que traballaban arreo. Contamos con actores e actrices que actuaron con Ossorio. A curta confunde ficción con realidade e procuraremos ser moi respectuosos co mundo que Ossorio nos deixou. Contamos que en maio de 2016 poida publicarse e levala a festivais nacionais e estranxeiros.”
A próxima e última mesa cadrada leva por nome “Terror en Francia hoxe” e será o venres 30 outubro, ás 12:30 no Forum Metropolitano que contará con Jean-Christophe Spadaccini, Fabrice Lambot y Christophe Lemaire.
Fotografías: Magdalena Barro
Paseino xenial convosco e só podo dicir que, de poder po ano que ven, repito e, de poder máis, con máis días para seguirvos a pista.
Como un rápido reflexo do vivido escribín o seguinte: http://delouredo.blogspot.com.es/2015/11/terrorificamente-divertido-en-el-fkm.html
Moito ánimo e mil gracias polo traballo realizado.