Celebrouse ás 12:00h na Sede da Fundación Luís Seoane a mesa cadrada: “Do papel á pantalla”.
Participaron catro expertos do tema como son: Borja Crespo, Manel Cráneo, Alberto Vázquez e Xurxo Penalta, moderados por Alberto Guitián.
Neuroworld, Psiconautas, Planeta Mincha ou Estirpe son obras audiovisuais que naceron das páxinas dun cómic ou cómics que se converteron en obras audiovisuais ou mesmo, como é o caso de Estirpe, películas que recrean o “mellor cómic que xamais exista”.
Na mesa falouse do proceso creativo que separa o papel da pantalla e das súas vicisitudes.
Manel Cráneo presentou o seu “Planeta Mincha”. O planeta “foi saíndo”, foron aparecendo algunhas especies, a fauna, a flora e a “florauna”, centos delas foron deseñadas nun proceso que durou anos. O seu autor entende que é unha obra libre, non indicada para un público determinado. Faina para divertirse, sen importarlle os formatos nos que se plasma. Deixa claro Manel Cráneo que fará o que lle salga de salva sexa a parte xa que a marca é súa e non pensa ceder nas negociacións que poidan exporse sobre ela.
Alberto Vázquez compartiu connosco a súa obra, Psiconautas, presentado na pasada edición de San Sebastián, curtas como o de Bird Boy, premio Goya, e Sangue de Unicornio. Psiconautas ten orixe nun cómic debuxado hai 10 anos. Tempo despois, propuxéronlle facer unha longametraxe, pero primeiro decidiron facer unha curta para ver como resultaba. Posteriormente empezouse coa longametraxe, facendo toda a película e a súa produción na Coruña. Alberto Vázquez considera que “facer cómic é máis barato e sinxelo porque ti controlas todos os procesos. Con todo, nunha película hai que controlar a un equipo enorme, xestionar o proxecto, os cartos, etc. As elipsis temporais entre viñetas nun cómic son utilizadas en grao sumo pero en animación hai que ter moi en conta o ritmo e a narración porque no caso de que se desatendan poden supor un serio problema na súa realización.”
Xurxo Penalta presentou “Estirpe” un proxecto no cal o crowdfunding tivo moito protagonismo. Actualmente, a película leva tres anos en produción e aínda ten algunha rodaxe pendente. As redes sociais foron fundamentais para levala a cabo, especialmente no referente ao financiamento.
Borja Crespo considérase cinéfago e devorador de cómics e produtos audiovisuais por igual, participou na revista Subterfuge, en anuncios, curtas e TV. O traballo que nos presenta “Neuroworld” foi inspirado no autor Miguel Ángel Martín, da revista “Víbora”. A película atende a unha proposta da canle “Calle 13” relacionada coas obras de microteatro breves en duración e con poucos espectadores. Fixeron a película en dous fins de semana. “Neuroworld“é un catalogo de parasitos emocionais, moitos diálogos, moita ironía, humor negro e mala leite. Segundo o seu autor: “Ou gusta moito ou non gusta nada”
Respecto ao desenvolvemento dun proxecto, Manel Cráneo considera unha máxima a seguir que no teu equipo de traballo é fundamental que o que peor o faga sexa mellor que uno mesmo. Ademais, financeiramente, sempre hai opcións para desenvolver bos proxectos a bo prezo. No seu caso, optaron por unha estratexia que pasaba por combinar “flash” con animación tradicional.
Alberto Vázquez opina que é esencial ter sempre o control creativo dos seus proxectos e na mesma liña Borja Crespo, quen afirmou que xa non fai publicidade porque a nivel creativo sempre discutía coa axencia ou o co cliente. “Gústame defender as miñas propias creacións. É importante distinguir dos proxectos persoais dos comerciais, porque nestes últimos moita xente traballa gratis para multinacionais. E un perde o valor do que fai.”
Xurxo Penalta sempre tivo moita liberdade cos seus proxectos. “Son eu, o lapis, o papel e punto. Pero cos proxectos audiovisuais non podo controlar ata esa medida, só facer achegas ao resto do equipo.”
Preguntados os relatores sobre os novos modelos de difusión en internet, o crowdfunding, etc. están de acordo en que estamos a vivir un momento fantástico para os creadores. Manel Cráneo coincide en que agora un pode facer moito na súa casa coas ferramentas dixitais existentes e obtén un resultado mellor que hai unha década con equipos humanos e técnicos profesionais. Aínda que, hai que ter coidado con esas novas formas de financiamento posto que é difícil facer unha estimación económica previa dos proxectos.
Xurxo Penalta aclarou que “no crowdfunding, cando a xente dá diñeiro sempre hai unha erupción de alegría no teu equipo pero logo ves que o diñeiro non dá nin para a metade das cousas que prometiches, é como unha hipoteca…”
Desde o público preguntouse que opinaban da piratería e cales eran os seus rituais de traballo. Destacaron na primeira pregunta o moito que lles sorprende o esforzo de moitos “piratas” en escanear un cómic páxina a páxina e colgalo na rede. “Ás veces é tan meritorio que dan ganas de abrazarlles” di ironicamente Manel Cráneo.
Borja Crespo sinala que é un debate complicado no que el se sitúa sempre no medio, está a favor da visualización legal dos contidos, pero tamén cre que deberían poder estar dispoñibles outros produtos de difícil acceso por ser minoritarios. O que favorecería a súa difusión.
Sobre o seu ritual de traballo, o importante é botar horas, darlle á cabeza e non parar de esforzarse. “É un oficio que a creatividade e as ideas pódenche chegar en calquera parte”, di Manel Cráneo.
Esta mesa cadrada é a primeira dun total de catro mesas que tocarán os seguintes temas:
– “Medo e noxo en Galicia” Mércores 28 outubro, 12:00 Fórum Metropolitano
– “Amando de Ossorio” Xoves 29 outubro, 12:00 Fórum Metropolitano
– “Terror en Francia hoxe” Venres 30 outubro, 12:30 Fórum Metropolitano
Leave A Comment