FKM comeza unha nova edición! Paréceme que xa estou a escoitar os berros daqueles cidadáns xaponeses que foxen das megalíticas pelexas entre Godzilla e Destoroyah. Espectadores terribles que se atopaban aos pés de tamaño duelo épico.
Un duelo épico, como o que nos traerán sen ningunha dúbida á nosa Vídeo-Regueifa os seus competidores, David Bizarro e Borja Crespo, baixo o lema “Espada e Bruxería”. Unha experiencia catódica onde con certeza as nosas mentes quedarán irreversiblemente danadas case tanto como as nosas costas. Aínda recordo, con dor, algunhas escenas das vídeo-regueifas anteriores. Vídeos sen clasificación posible, momentos épicos conservados nas traumatizadas retinas dos seus espectadores que xurdiron porque certos directores deixaron correr a súa imaxinación ata máis aló da porta de Tanhauser.
FKM, superándose a si mesmo, rende homenaxe ao director de cinema nado na Coruña, Amando de Ossorio, especialista en cinema de terror. Unha das súas actrices máis emblemáticas, a danesa Lone Fleming, virá darnos unha clase maxistral de expresións aterradas. Fundámonos todos con esa fermosa muller nun berro infernal do que quedaremos profundamente amarrados. Lancemos todos un “hurra” diabólico por ter a ese pedazo de actriz nas nosas rúas arrasadas polo salitre.
Non querías caldo? Pois sete cuncas! Contaremos cun ciclo de cinema dedicado ao terror francés. Non é Hollande vestido de flamenca, nin Sarkozy chiscándote un ollo mentres chámache “Mon chéri”. O noso terror francés é algo moito máis xenuíno. É un “Quelle Horreur!“ cinematográfico que virá dando o mellor de si: películas para cagarse de medo, mesas redondas para cagarse de gusto e a participación de representantes ilustres como Jean-Christophe Spadaccini, autor dos efectos especiais de películas de Luc Besson, como “Adèle e o misterio da momia”, “The family”, con Robert De Niro, Michelle Pfeiffer, Tommy Lee Jones e “Lucy”, con Scarlett Johansson e Morgan Freeman. Colega, si aínda non te cagaches de todo, no seu Masterclass poderás facelo con resina e outros materiais moldeables. Mon dieu!
E que pasa coas nosas curtas? No FKM queremos promocionar as que consideramos PEMES cinematográficas, esas pequenas e medianas xoias que manteñen con vida a chama por e para o cinema. Por elas, celebramos a 4ª edición do Concurso Internacional de Curtametraxes. E si es dos que pensan que o tamaño si importa, tamén presentamos a 1ª edición do Concurso Internacional de Longametraxes Ópera Prima.
Non tes suficiente? Aquí tes máis: cinema galego e anime xaponés, recompilando o mellor de ambas as culturas: un meca soltando un “carallo”, ou un polbo lanzando “hadoukens”. Todo iso mesturado con mesas cadradas especializadas, presentacións de libros sobre cinema… Quítanmo das mans, señora!
E se tes pequenos seres infernais en casa, non collas a metralleta, envíaos aos nosos obradoiros infantís. Alí aprenderán a acabar coa túa paciencia, do mesmo xeito que antes, pero con moito máis gusto e estilo polo cinema.
Certo é que non só de vídeos vive o ser humano, nin o Festival, por iso un dos eventos máis agardados é a nosa clásica marcha zombie. As rúas da Coruña serán invadidas por criaturas de pesadelo. Algún pensará que falamos da campaña electoral do 20-D. Non, oh! É algo máis inocuo e moitísimo máis divertido, a 5º ZombieWalk!
Vísceras colgantes, ósos sobresaíntes e mortos viventes dominarán o centro histórico da cidade, pero esta vez non quedarán a ver obras da rede de sumidoiros ou a ocupar as mesiñas das terrazas. Esta vez veñen para darche estopa, grima e algo de noxo, mentres nos convidan a gozar a todos a unha “festuqui” boa, boa.
E como todas as persoas acollemos a unha pequena criatura pervertida dentro, aínda que levemos gravata, ou só levemos gravata, o FKM deste ano quere celebrar o 40 aniversario da película “Rocky Horror Picture Show”, obra de culto onde os nosos desexos máis libidinosos serán moi benvidos. Xa o dicía Makinavaja, “el último choriso”, que cando rascas a verniz de civilización que levamos enriba, sae a relucir a nosa besta interior.
Dá renda solta ás túas paixóns, á túa diversión, ao teu frikismo, ao teu lado canalla, ao teu ser máis oculto.
Que pasa? Non che interesa o programa do FKM?
Está claro. Es un morto sen ollos!
Leave A Comment