O documental “Super 8 Madness!” supón un testemuño videográfico dunha parte importante da historia do xénero en Francia a través das distintas edicións deste mítico festival, combinando imaxes de arquivo con fragmentos das películas en Super 8 e as entrevistas cos principais axentes do seu éxito: organizadores, participantes, directores, etc. Estes comparten os seus recordos desta incrible época, contando mil anécdotas e ofrécennos unha emocionante inmersión ao mundo do “fágao vostede mesmo”.
Presentado o pasado venres 30 de outubro, no CGAI, por Fabrice Lambot, de Metaluna Productions, e Christophe Lemaire, crítico cinematográfico e colaborador habitual da revista Mad Movies.
En palabras do crítico Christophe Lemaire: “Facer un documental sobre o Súper 8 é como facer un documental sobre o feito de abrir unha billa onde a auga flúe por si soa mentres que antes había que camiñar a buscar a auga do pozo. ”
Foi en 1984 cando Jean-Pierre Putters e Jean-Marc Toussaint tiveron a idea de crear o festival de Cinema Fantástico de Súper 8. Un evento que coñeceu só 5 edicións e que está aínda moi presente nas mentes de todos os que participaron nel e o cal se converteu en fonte de moitas fantasías para os que non estaban alí. Cheo de imaxes de arquivo, Súper 8 Madness transmite perfectamente a furiosa tolemia que animaba ao público naquelas veladas. Un público que non se privaba de apupar ou asubiar as películas que xulgaba indignas de serlle mostradas pero que reservaba vivas e aclamacións para os seus heroes.
Documental potente, de imaxe rápida, con especiais lembranzas videográficas a diversos autores e creadores que, nalgúns casos, finaron de súpeto deixando á moitos sen referencias creativas. Outros elementos sorprendentes do documental son os teatros ensuciados ao fin do festival, berros sexuais durante toda a gala, pelexas pola amor á arte. Arte e creatividade saíndo por cada un dos poros dos centos de asistentes a aquelas lendarias e inesquecibles galas.
Ficha técnica:
Dirección: Fabrice Blin. Produción: Fabrice Lambot. Guión: Fabrice Blin, Vincent Leyour. Música: Raphaël Gesqua. Montaxe: Jean-Marc Toussaint e Vincent Leyour. Francia. 86′
Leave A Comment