Na noite do xoves 29 de outubro, a maxia do cinema en 35 mm fíxose realidade no CGAI coa proxección da primeira película de Amando de Ossorio sobre os templarios, dentro da homenaxe que lle adica o FKM nesta edición. Aínda por riba, a presenza da actriz e musa do director, Lone Fleming puxo o broche a unha noite moi especial, agardada por moitas persoas con ganas de ver a película e de coñecer mais das reviravoltas das rodaxes do director coruñés.
Así, co público fantasticamente acompañado pola actriz e arroupado cunha manta de luxo de 35 mm deu comezo “La noche del terror ciego”.
Ossorio rapidamente nos pon en situación e presenta ás personaxes principais: dúas boas amigas desde a adolescencia que se ven enfrontadas coa entrada en escena do macho alfa. Así o suxiren os xestos sutís, o ton das palabras e as miradas, de esas que parecen dicir: “Tia, eu non son celosa pero a miña metralleta si que o é”.

Momentos previos á proxección. Presentación de Tonecho Otero, codirector do FKM, acompañado por Lone Fleming, actriz e musa do director
Comparto coa protagonista, unha guapa e faladora Lone Fleming, que eu tamén son un produto do asfalto, por iso son da opinión que hai que manterse afastado de ruínas con cemiterios que cando te acercas a eles escoitas unha especie de “ooooh” arrepiante. So faltaba aquel cartel que avisaba a Dante ao inicio da súa viaxe aos círculos do inferno: “Os que entrades aquí, abandonade toda esperanza.”
E ao final, pasa o que pasa. Que demos! Pasa o que todos queríamos que pasase. Que os templarios, á semellanza dos Nazgûl de Tolkien, pasean a súa mala gaita en velocidade reducida e con cánticos corais eclesiásticos omnipresentes que, como dixo algún experto nas mesas cadradas sobre Ossorio, non eran mais que os nomes dalgúns do equipo técnico da película ditos ao revés.
Estes templarios teñen a debilidade de roer alí onde dan con cacho, e bótanse a algúns dos protagonistas como se foran “Leitão assado à Bairrada”. Esquecín apuntar que, de novo, a historia se sitúa en Portugal, e que este “Leitão” considerase unha das sete “maravilhas” da gastronomía portuguesa.
Especial mención merece, coido eu e son eu o que escrebe, a escena no obradoiro de bonecos e maniquies, coas súas luces de neón vermellas e parpadeantes, asemellando a futuras películas de éxito como Blade Runner (1982). Ossorio, de novo, un paso por diante.
Unha vez mais, Ossorio deixa ao público sen palabras pero con gritos que, afortunadamente, derivaron en minutos de aplausos merecidos á súa obra e á súa musa alí presente.
Ao final da noite, levantamos todos xuntos os nosos chupiños de Jägermeister e brindamos:
Vai por ti, Lone Fleming!
Fotografías: Magdalena Barro
Leave A Comment