Como xa se dixo anteriormente, FKM fai unha aposta seria polos traballos de directores noveis, nesta ocasión deuse un paso mais aló coa creación dunha sección especializada que recolla estes traballos e que ademais sexa competitiva, constituíndose a través dun concurso público.
Esta sección inaugurará un novo premio adicado a Amando de Ossorio e que será o Premio Ossorio de FKM (patrocinado polo MAC Gas Natural Fenosa), que será concedido por un xurado internacional especializado, formado por membros destacados do audiovisual e da cultura. O trofeo consistirá no Percebe Mutante de bronce. O xurado outorgará tamén catro galardóns: Mellor Guión, Mellores Efectos Especiais e Mellor BSO.
Nesta ocasión, proxectouse a ópera prima “Megamuerte” de Jordi Nájera (2014. 90’ España)
A estrea en Galicia foi no Fórum Metropolitano o pasado mércores 28 de outubro ás 23:00 h.
A historia de “Megamuerte” resúmese no seguinte: Ao ser invocado por erro por uns adolescentes, un espírito maligno contacta coa súa banda de Metal favorita para abrir as portas do averno.
A partir desta base, unha divertida trama na que o público asistente, ningún co pelo corto, puido gozar con situacións canto menos oníricas e cómicas. Espectáculo con moita sangue, “gore low cost”, pequenos demos que se asemellan aos “electroduendes extreme edition” e unha banda sonora fantástica que daban ganas de choutar sobre a cadeira, partir as lámpadas de pe contra o chan, botar a lingua fora mentres invocamos aos anxos caídos e caer nun fornicio grupal, desenfreado e autodestructivo. Afortunadamente, todo o público permaneceu ben acougado nos seus asentos, gozando coa película.
Leave A Comment