O pasado venres, 30 de outubro, tivo lugar a presentación da longa « Aux Yeux des Vivants » e da curta « Adam moins Eve” a cargo do productor de Metaluna Productions, Fabrice Lambot

“Adam moins Eve” é unha curta de Aurélia Mengin, do ano 2014. A sinopse céntrase nun mundo post-apocalíptico no que un sacerdote camiña polas rúas desertas buscando sobreviventes. Entre os chasis de automóbiles amontoados, descobre o corpo ferido de Eva. Sería Eva a orixe desta desilusionada humanidade?

Interesante curta cunha magnífica realización e dotada de medios.

Respecto á longametraxe “Aux Yeux des Vivants” (Julien Maury, Alexandre Bustillo, 2014. 90’) Os creadores de “À l’interieur” e “Livide” volven cunha homenaxe ao xénero “slasher” e ao cinema de terror dos anos 80.

Segundo palabras de Lambot, o seu productor, a película foi duramente criticada polo seu alto contido violento, de feito, recibiu presións para retirar certas escenas nas que estaban involucrados menores de idade.

“Aux Yeux des Vivants” é unha película para quedar amarrado ao sofá mentres un se agarra a barriga e ter un ollo medio aberto e o outro medio pechado. Imaxes impactantes, súbitas, con moita forza gráfica, plástica e explícita. Todo doe. Desacouga ao espectador ata límites inesperados.

Como bo “slasher” que é, a película conta coa sua “final girl”, que é un concepto curioso deste tipo de filmes. É unha ferramenta narrativa na que mulleres que destacan pola súa consciencia dos problemas que lles vai a crear o malvado de turno, pola súa intelixencia e por outras virtudes, enfrontaránse á “misoxinia do asasino”. E non digo máis para non reventar a película.

Saio do cinema sospeitando de todo fillo de veciño que se me aproxime. Seguro que son todos uns asasinos sen piedade que queren a miña morte máis dolorosa!

Preas! Non me collerán!

Fotografía: Magdalena Barro