A Vídeo-Regueifa! é un evento híbrido entre o show e a charla; irreverente en forma e lúcido en contido, onde creadores e comunicadores dialogan sobre o Cinema Fantástico, de Terror, de Ciencia Ficción e a Cultura Popular.

A VR! é un duelo de videoplaylists: 2 invitados preparan unha selección de vídeos de internet ao redor dun tema proposto. Os relatores proxectan os seus vídeos de forma alternada, como nun combate por asaltos.

Ok, e cal é o tema?

VIDEO-REGUEIFA! FKM 2019: UTOPÍAS E DISTOPÍAS

LUNS 14 OUT 21:00h

Fundación Luís Seoane

Coma sempre, remexeremos non só no cinema senón tamén en programas e series da TV, spots publicitarios, videoclips, documentais, videoperformances, parodias porno, debuxos animados, vídeos amateur, videoblogs, memes…en definitiva: todas as estancias do averno audiovisual }:-)-

Os contrincantes

Lois E. Froiz

Se metes nunha batidora moitos discos de grindcore e de drone, cintas gore dos oitenta, as filmografías de Jan Švankmajer e Andréi Tarkovski e o manifesto surrealista de André Breton, seguramente saques unha chafallada porque son cousas que non deberías meter na batidora. Pero é factible que Lois E. Froiz che axude, porque todo iso son as súas obsesións.

Álvaro Dorda

Álvaro Dorda canta, graba discos e xira por toda España dende os primeiros 90 con bandas como Mandrágoras, Ultracuerpos, Rockers Go To Hell e Electra, actividade que compaxina cas súas pinturas e escritos recollidos no seu libro VERSOS ON THE ROCKS.

A pesar de non ter sobrevivido a ningún apocalipse, atribúeselle ter provocado uns cantos.