Por fin! Hoxe luns 26 ás 21:00, Tonecho e María, directores do Festival, agradeceron a presenza do público, amosaron os percebes mutantes da exposición e deron o pistoletazo oficial ás actividades do FKM 2015
A inauguración, que se realizou na Fundación Luís Seoane, estivo acompañada pola exposición do debuxante de banda deseñada David Rubín, que inauguramos o pasado 26 de setembro e que poderedes ver ata este sábado 31 de outubro. Son 50 orixinais das súas últimas obras: “Beowulf” (Astiberri, 2013) e “O momento de Aurora West” (DeBolsillo, 2014). Como di o propio autor: “Neles pódese apreciar de modo mais pormenorizado a arquitectura que habita baixo a creación dun cómic; a arte a lapis, o que sustenta todo, o que nunca chega ao lector cando colle nas súas mans o libro editado.” O que está claro é que este autor amosa carácter tanto nos seus trazos coma nos seus comentarios en redes sociais.

Percebes mutantes – Trofeos
Tamén se puido gozar dunha tapa artística de percebes mutantes moi especial, aqueles decorados para a ocasión por dous artistas xeniais como son Perrilla e José Domingo que serán os encargados de dar como premio do público ás mellores curta e Ópera Prima.
O evento estivo regado cunha ampla degustación de chupiños de Jägermeister, para entrar en calor. Coma piratas sedentos lanzámonos a eses pequenos “grogs”, e un tempo despois a xente que alí estaba xa era un pouco máis guapa, estaba un pouco máis alegre e as figuriñas das portas do baño eran tamén algo mais difusas.
Un público entregado, con pequenas mans de plástico coñecidas científica e internacionalmente como “aplausómetros”, votaron ruidosamente os vídeos amosados, encheron a sala de berros, asubíos, e todo foi festa rachada.

Aplausómetros funcionando
Os chupiños axudaron a asimilar despois algúns dos fragmentos audiovisuais que protagonizaron a vídeo-regueifa. Os gladiadores dixitais desta edición foron David Bizarro quen se define a si mesmo como un “investigador do paranormal e médium do musical”, e Borja Crespo, director, produtor cinematográfico, escritor, ilustrador, entre outras responsabilidades.
O tema do vídeo – regueifa deste ano foi “Espada e Bruxería” . Como declararon os propios protagonistas, o tema da Espada e da Bruxeria é un elemento moi fálico que daba lugar a multitude de bromas relacionadas coa masculinidade, desmontando a heroes como Conan, Hercules ou Thor.

Sr. Guitián e Ana Lema
Ana Lema e Alberto Guitián deron paso aos contrincantes. “Round One, Fight!” O combate durou 10 asaltos que consistiron nunha “bukake catódica” según Borja Crespo, onde o público puido deleitarse, sorprenderse, aterrarse e, sobre todo, gozar de vídeos de recursos caseiros, musicais de Conan, homes-araña cameruneses, He-Man gai, subidas de tripis, raps de “Juego de Tronos”, exorcismos masivos e moitas mais bizarradas que a xente devoraba con ansia viva.

David Bizarro

Borja Crespo
Toda esa mostra de casqueira dixital de tan alto nivel polos opoñentes só tiña un final posible, e foi quedar “a pachas” ante a calidade alí verquida.
Así rematou este evento híbrido entre o show e a charla; irreverente na forma e lúcido no contido, mentres a canción do “Giga Pudding” trepanaba os nosos oídos nun éxtase colectivo dentro da Fundación Luís Seoane.
Quédanos por diante toda unha semana, una semana chea de mortos sen cara pero con ollos, sen ollos pero con mala baba, zombis simpáticos e fachendosamente maquillados, criaturas terroríficas que proceden da Galia, “masterclases”, mesas cadradas, presentacións de libros, anime, concursos de curtas, de longos , etc, etc.
A que estás a agardar? FKM 2015!
Leave A Comment