A Vídeo-Regueifa! é un evento híbrido entre o show e a charla; irreverente en forma e lúcido en contido, onde creadores e comunicadores dialogan sobre o Cinema Fantástico, de Terror, de Ciencia Ficción e a Cultura Popular.
A VR! é un duelo de videoplaylists: 2 invitados preparan unha selección de vídeos de internet ao redor dun tema proposto. Os relatores proxectan os seus vídeos de forma alternada, como nun combate por asaltos.
Ok, e cal é o tema?

MONSTROS TERRESTRES E EXTRATERRESTRES
DOMINGO 17 OUT 20:30h | Fundación Luis Seoane
Os monstros son parte esencial do cinema fantástico e do imaxinario popular. Dende as orixes da Humanidade os monstros serviron para dar forma aos medos atávicos ao descoñecido. Existiron auténticos monstros no mundo real, criaturas xigantescas e temibles, deformacións xenéticas, etc, pero os que máis nos interesan son aqueles produto da imaxinación, dos mitos, das lendas, ou sinxelamente, da imaxinación desbordada da xente. Dito isto…
Agárdanvos os monstros máis bizarros, repugnantes, cutres e expeditivos que poidades atopar nos sumidoiros de internet. Nas infames producións de Roger Corman, Charles Band, Canon Films, Troma, etc. Veremos bestas alleas á orde natural, híbridos sobrenaturais, cibernéticos, transformacións surrealistas, mutacións vomitivas, experimentos xenéticos, enxendros alieníxenas, criaturas do máis aló, da dimensión descoñecida, ou da coñecida. Iso si, preferiblemente, matando xente.
Agárdavos o bestiario máis abominable, grotesco e purulento que teña parido o mundo audiovisual.
Os contrincantes …

SEKONE
Animador clásico nos famosos “Combates de Debuxantes” que organiza o Autoban, xa viña sendo hora de lialo nesta refrega purulenta de vídeos infames que é a VR!. Tan activo coma un chorro de spray cargado ca forza creadora do Big-Bang, de seguro pulverizará toda noción de bo gusto cinéfilo que creades posuír. Porque, a fin de contas, somos po de estrelas que se desfixeron en forma de caca moi solta. Podedes atopar a este artista multidisciplinar aquí @ssssekone.

DAVID SALGADO MARCOTE
Expresións súas como “peste de córneas”, “baba gorda”, “retraso salvaxe” ou “caca moi forte” resoan nas redes coma coprolitos de órbita desvocada e salvaxe. É capaz de exterminar mundos, civilizacións e, sobre todo, o lixo mental de toda esa caterva imbécil de “chupacirios” coa que nos vemos na obriga de convivir. Atoparédelo “paseando ca mirada moi forte” no seu magnífico bloge de cinema 24sombrasporsegundo.com